Thursday 16 de May de 2024

O goberno de Cambre convoca a oposición para tratar todas as propostas para reducir o ibi e a plusvalia


Rivas presentará o estudo que permita reducir o tipo impositivo do IBI e polo tanto manter o recibo da contribución

O goberno local xa trasladou á oposición os informes sobre as propostas de EU para o IBI e os datos que solicitou o Partido Socialista. O obxectivo é abordar o próximo xoves na segunda comisión de Facenda as diferentes propostas para reducir os impostos de IBI e Plusvalía para que os recibos de 2016 non sufran, de media, incrementos nos recibos dos propietarios cambreses. Tal e como adiantou o alcalde de Cambre,Manuel Rivas, a finais de ano, cando se comprometeu a levar a pleno unha redución dos tipos impositivos afectados polo novo relatorio de valores, realizouse un estudo económico con diferentes propostas de redución que se tratarán na mesa de Facenda convocada para o próximo martes. O executivo local sempre defendeu que o relatorio de valores non ten por que supoñer na media dos casos a suba do recibo, sempre que se vaia reducindo o tipo impositivo de forma progresiva, do mesmo modo que aumenta un 10% cada ano o incremento de cada valor catastral. As baixadas que contemplan os técnicos manteñen no nivel de recadación necesario para facer fronte os servizos municipais.

Respecto á anterior comisión, o executivo de Rivas ve moi positiva a achega da concelleira socialista, Margarita Iglesias, que apuntou que se podía aumentar a bonificación prevista para a IIVTNU(plusvalía) que se dá no momento da transmisión das vivendas ou soares tras a morte do titular tributario cara aos seus herdeiros, ata o 95%. Polo tanto pasaría do 50% ao 95% co obxectivo de non gravar estas herdanzas que nalgúns casos é a propia vivenda, que ademais xa están suxeitas a outros tributos estatais.

Por outro lado, das propostas de EU, Rivas agradece as achegas para modificar a ordenanza, pero tras ser obxecto de estudo por parte dos técnicos municipais, cre que non poden chegar a aplicarse. Os técnicos consideran todas as propostas contrarias a Lei e polo tanto serían de difícil cumprimento. Así o recolle o informe que abordou o asunto e que xa foi remitido aos diferentes grupos políticos.

En canto aos datos botados polo estudo técnico establecendo un tipo impositivo do 0,60% para o 2016, conclúese que o número de vivendas para as cales diminúe a cota serían 5.146, e aumentaría a cota con respecto ao 2015, nun total de 5.052, das que 4.463, nas que se incrementaría o recibo entre 0 e 10 euros.

En canto ás catro propostas que se presentan á mesa de debate, tívose en conta o mantemento do tipo incrementado por usos para aqueles bens de natureza URBANA de maior valor catastral, que xa se viña aplicando e se fixeron as estimacións pertinentes tendo en conta a aplicación dun tipo xeral para o resto dos inmobles do 0,62% e 0,60%. Para o tipo impositivo de natureza RÚSTICA realizouse tamén unha estimación da recadación que se obtería aplicando o tipo actual, e tamén outras tres propostas aplicando o 0,62% e 0,60%.

Por outro lado, entre as bonificacións reguladas na Ordenanza Fiscal n.º 1 reguladora do IBI, proponse aumentar a bonificación ás familias numerosas pasando do 20% ao 50%, e das familias numerosas de tipo especial pasando do 40% ao 90%, sempre e cando cumpran uns niveis de renda fixado en función do IPREM e que o soliciten ao principio de cada ano para poder gozala dentro do devandito período.

Así mesmo, levouse a cabo unha revisión dos tipos aplicado ao IIVTNU, a plusvalía. Consideran xusto reducir o tipo de gravame, propoñéndose rebaixalo do 26% actual a un 22 por cento. Así mesmo, sería conveniente reducir a porcentaxe recollida na ordenanza fiscal para os incrementos de valor que se produzan entre 5 e 10 anos, xa que os incrementos de valor que se producisen para un período de xeración de entre 5 e 10 anos, serán só teóricos, pois agás para casos puntuais, non se producirá beneficio na súa venda, senón todo o contrario. Por iso proponse unha rebaixa do 3,1% a un 2,5%.